top of page

sobre min

CARME RODRÍGUEZ   |  compositora e orquestradora

Ribadeo, Lugo (1996)

  

   Carme Rodríguez medrou nun ambiente musical dende o que comeza os seus estudos. É compositora, orquestradora e arranxista.

   Gradúase con Matrículas de Honra no Grao en Composición de Músicas Contemporáneas na Escuela Universitaria de Artes e Espectáculos TAI de Madrid, en 2018. Dende 2013 é compositora habitual de bandas sonoras para películas, curtametraxes e series, traballando en decenas de proxectos distribuídos actualmente a través de festivais nacionais e internacionais.

   Cun pé en Galicia e outro en Madrid, compaxina actualmente o seu traballo como compositora co de arranxista e orquestradora, para proxectos propios de concerto, cine, teatro e televisión, e tamén nos equipos doutros prestixiosos compositores e orquestradores.

   En 2022, recibe encargos do Consello da Cultura Galega para o Concerto das Letras, interpretada por Zoar Ensemble, ou de orquestracións para a Real Filharmonía de Galicia. En 2021 realiza un encargo para o Proxecto2020(21) da Orquesta Sinfónica de Galicia, que se estrea, baixo dirección de Nacho de Paz, no Festival RESIS da Coruña. As súas obras e orquestacións foron interpretadas, ademais, por orquestras como a OSCYL; conxuntos como neSg, Mbira-Duo e Grupo Instrumental Siglo XX, ou intérpretes solistas como Isabel Dobarro, Steve Harriswangler ou Noè Rodrigo.

  Algúns dos recoñecementos obtidos ata o de agora son os premios nos concursos “63 variations on the body, Open Call for Composers” (2015), “Abanico de Vías” do Teatro de la Estación (2016), “X Concurso Galego de Composición para Banda de Música” (2017), Convocatoria “Construíndo Sons” (2018), II Concurso Internacional de Composición “María de Pablos” (2019), Concurso CreaClásica (2019) e III Concurso Internacional de Composición “María de Pablos” (2020).

   A experiencia na composición de música moderna, contemporánea e para medios audiovisuais, así como o dominio da orquestración, axudan a crear unha grande versatilidade na obra de Carme Rodríguez, que aporta texturas harmónicas detallistas, sen perder de vista a emoción como eixe vertebrador dunha música ecléctica, entre o pasado e o presente, na que permanentemente conviven a composición contemporánea e a música de cinema.

DSC09283-Edit.jpg
bottom of page