
sobre min
CARME RODRÍGUEZ | compositora e orquestradora
Ribadeo, Lugo (1996)
Carme Rodríguez medrou nun ambiente musical dende o que comeza os seus estudos. É compositora, orquestradora e arranxista.
Gradúase con Matrículas de Honra no Grao en Composición de Músicas Contemporáneas na Escuela Universitaria de Artes e Espectáculos TAI de Madrid, en 2018. Ofrece diversas masterclass, especialmente sobre bandas sonoras, en seminarios e universidades. Ademais, dirixe o Festival de Cine Curto de Ribadeo dende a súa primeira edición en 2022.
Compón bandas sonoras para series e longametraxes, documentais e de ficción, e para curtametraxes distribuídas en festivais nacionais e internacionais.
Cun pé en Galicia e outro en Madrid, compaxina actualmente o seu traballo como compositora co de arranxista e orquestradora, para proxectos propios de concerto, cine, teatro e televisión, e tamén nos equipos doutros compositores.
Recibiu encargas da Orquesta y Coro Nacionales de España (Ciclo Satélites), a Real Filharmonía de Galicia, o Consello da Cultura Galega ou a Orquesta Sinfónica de Galicia. As súas obras e orquestacións foron interpretadas, ademais, por orquestas coma a OSCYL; conxuntos como Sonor Ensemble, Zoar Ensemble ou Grupo Instrumental Siglo XX, ou solistas como Isabel Dobarro (no álbum Kaleidoscope do selo Naxos USA, 2024).
Acumula decenas de premios e recoñecementos, entre eles, o Concurso CreaClásica (2019) e o Concurso Internacional de Composición “María de Pablos” (II e III edición, 2019 e 2020).
A experiencia na composición de música moderna, contemporánea e para medios audiovisuais, así como o dominio da orquestración, axudan a crear unha grande versatilidade na obra de Carme Rodríguez, que aporta texturas harmónicas detallistas, sen perder de vista a emoción como eixe vertebrador dunha música ecléctica, entre o pasado e o presente, na que permanentemente conviven a composición contemporánea e a música de cinema.